Comunicado sobre a Feira da Primavera

Alá polo 2007 comezou a aventura de organizar a primeira Feira da Primavera: era unha iniciativa conxunta da asociación veciñal, a comisión de festas e o comercio e quería dinamizar o barrio; buscabamos fortalecernos como comunidade, apoiar ao comercio e visibilizar o barrio de San Pedro como espazo no que vivir e traballar. Queriamos ser un barrio mellor, conservar o noso tecido socioeconómico e tecer fíos que nos permitiran medrar de xeito sostible.

O tempo pasou e o esforzo compartido tivo os seus resultados. O que foi unha feira con apenas unha ducia de postos e algúns comercios a pé de rúa é hoxe un evento de primeira orde que congrega a milleiros de persoas e centos de postos. E cumpriu os seus obxectivos: hoxe somos máis fortes como comunidade, como barrio e como espazo económico.

Os logros son innegables pero o futuro presenta novos desafíos e hai luces e sombras que avaliar, ademais de preguntas que responder: Ten futuro un evento que expulsa, polo ambiente e concorrencia da xente, á nosa veciñanza máis querida (maiores e crianzas)? É un botellón masivo unha ferramenta axeitada para facer barrio e crear riqueza? Podemos seguir obviando os problemas de seguridade derivados da  excesiva afluencia? Está contenta a veciñanza coa Feira e todo o que conleva? Que avaliación fan os comercios do eixo comercial San Pedro-Concheiros? A imaxe que proxectamos como barrio nestes últimos anos anima a que recunquen a comprar, abrir negocios ou vivir? É conveniente repensar a Feira e reorientala para que continúe cumprindo a súa función?

É por isto, que a Asociación Cultural do Barrio de San Pedro (Comisión de Festas) e Asociación Veciñal A Xuntanza, como coorganizadoras da Feira da Primavera, decidimos facer un pequeno alto. Hai moito que pensar e repensar, decisións que tomar sen perder de vista os obxectivos de partida: facer barrio e medrar como comunidade.

Non é un punto e final, cando menos neste momento, senón unha parada para coller folgos e reimaxinar o futuro. Seguiremos traballando e avanzando en novas propostas, algunhas das cales verán luz este mesmo ano; non substituirán á Feira pero confiamos en que sirvan tamén para darlle a benvida á primavera, para recoñecérmonos tras o inverno e pasar un bo rato en agradable compañía.

Vémonos daquela… ou nos distintos eventos ó longo do ano: Mercado do Caracol, Día do Barrio ou nas Festas (28 de xuño – 2 xullo neste 2017)