Vimos de celebrar os 15 anos de Festas do Barrio de San Pedro, unas festas que ao longo dos anos foron mudando e medrando e, igual que elas cambiaron, tamén o fixeron o barrio e as entidades organizadoras así como as persoas colaboradoras e as súas circunstancias vitais. E así, dun tempo en que case nin había internet ou whatsapp chegamos ao momento actual.
Agora mesmo hai moitas persoas que queren dar o relevo na organización, aínda que tamén se pretende seguir traballando para continuar facendo unha festas lindas, alegres e para todo o barrio. Con todo, pensamos que é preciso parar e coller folgos, aproveitar este momento de cambio para reformular, repensar e buscar novas formas de facer esa festa que nos é tan querida. É certo que nos gustaría que seguise sendo un piar da nosa comunidade, un evento do que goce toda a veciñanza e as persoas que queiran vir desfrutar dela, dende crianzas ata persoas de maior idade; mais tamén é verdade que precisamos recuperar o benestar, facer converxer gustos e públicos. Porque, como diciamos, os tempos mudaron e as persoas e entidades colaboradoras con eles polo que as festas deben adaptarse a estas circunstancias ou deixarán de ter sentido e esmorecerán. Temos claro que hai que respirar fondo, coller azos e seguir camiñando a modiño.
Por estes motivos, queremos comunicarvos que o concepto de Festas do Barrio de San Pedro, tal e como se viña levando a cabo nos últimos anos, non terá lugar neste 2019. Iso si, tranquilidade, porque seguimos ilusionadas coa idea de crear espazos de encontro, para encher as rúas, prazas e parques con programación que, aínda sendo de menor dimensión, dará continuidade á necesidade que temos de seguir facendo do Barrio de San Pedro un lugar especial onde a veciñanza fai unhas festas coas que manter viva a súa identidade, onde vernos e celebrar a chegada do verán. En concreto, gustaríanos conservar o paseo coas cabezudas, a sesión vermú do sábado, a romería do domingo e outras actividades de pequeno formato, ademais de expandir estas ao longo de todo o ano.
O vindeiro xoves 11 de abril, a partir das 19.30h, xuntarémonos na praza do Matadoiro (se chove ou vai moito frío, no interior) para seguir debuxando o futuro da Asociación Cultural do Barrio de San Pedro. Agora máis que nunca precisamos cabezas creativas, mans voluntariosas e a implicación de todas aquelas persoas que queiran formar parte e levar adiante esta nova forma de facer festa, de facer barrio. Súmate!