Historia

Dende xa a finais dos anos 80 un grupo de varias asociacións do barrio de San Pedro (Compostela) implicáronse nun traballo en común de desenvolvemento social e cultural da veciñanza. Este traballo humilde foi dando pequenos froitos na celebración conxunta de festas tradicionais como os magostos, o Antroido e as Cacharelas, e ás veces en actividades de Nadal, a maiores do traballo que cada quen realizaba para o ben do barrio.

Nos últimos anos a reflexión sobre este traballo en común empurrounos a formalizar esta boa relación de coordinación que existía e darlle nome e personalidade (xurídica) que deu en chamarse COORDINADORA DO BARRIO DE SAN PEDRO ‘O CAMIÑO’. Dunha primeira convocatoria ampla e aberta a todos os colectivos que teñen sede neste barrio ou que desenvolven nel unha actividade significativa, deron un paso adiante as seguintes asociacións, hoxe membros fundadores da coordinadora:

– Asociación Veciñal A XUNTANZA
– SAN PEDRO Fútbol Club
– Asociación Mulleres LILITH
– Escola de Tempo libre DON BOSCO
– Club Deportivo BELVÍS
– Asociación ARELA XOVEN
– Fundación INTERED
– Comunidade SALESIANA.
– Coral A XUNTANZA
– Centro xuvenil DON BOSCO

Xa dende os seus inicios a Coordenadora ten como obxectivos principais a organización de actividades culturais, sociais, etc no barrio, así como servir de catalizador do tecido asociativo dando entidade ó sentir común da meirande parte das organizacións do barrio.

Hoxe xa son máis as entidades que conforman esta coordinadora porque mantemos un espíritu de apertura para que teñan cabida calquera das entidades e grupos que forman parte do barrio de San Pedro: Cidadania, Casa Encantada, Asoc. Galega de Fibromialxia, Coper@ctiva Cultural, Tagen Ata…..

Xa no 2004 e, partindo do colectivo que integraba a Coordenadora, un grupo de persoas decidiron traballar de cara á recuperación das festas do barrio, creando unha Comisión de Festas que soubo rescatar da memoria común a esencia das festas tradicionais actualizándoas como non ós tempos actuais e á realidade do Barrio.

Un dos puntos principais que nos unen é a crenza no traballo comunitario, onde os veciños e veciñas non sexan meros destinatarios de proxectos e actividades, senón provocar que dende o punto de partida (dende a análise da situación e necesidades de todo tipo) sexamos protagonistas, con unha voz resultante da suma das de todos e todas nós.
OBXECTIVOS

– Dar continuidade á recuperación das festas que se iniciou no ano 2004.

– Desenvolvemento dunha programación comprometida e diversa que implique a un maior e variado número de xente do barrio, de todas as idades, procedencias xeográficas, culturais, etc

– Realizar actividades que tendan a valorar cuestións propias do barrio e das súas xentes.

– Promoción e ubicación do Barrio de San Pedro dentro da realidade compostelá.

– Organizar actos culturais, lúdicos e educativos no contexto das datas elexidas para as festas.

– Favorecer o intercambio de experiencias e información entre o amplo e variado tecido asociativo do Barrio.

– Establecer colaboracións co máximo de entidades e colectivos sociais ubicados no Barrio.